.Acerca da “consulta” aos AEDL de Galicia
Os datos obxectivos da consulta foron os seguintes: 734 destinatarios; 82
correos rexeitados; 6 respostas automáticas, 5 delas indicando que o
destinatario estaba de vacacións; e seis respostas á pregunta realizada. A
partir de aquí todo é subxectivo, e poderá ser compartido ou non polo difuso
colectivo de Axentes e Técnicos de Emprego.
A maioría dos e-correos rexeitados foron da Deputación de A Coruña (coa
seguinte estrutura de enderezo: idaxente@nomeconcello.deputacionacoruna.es), 27
en total, e de CCOO (idaxente@galicia-ccoo.es), 16 deles, por causas que
descoñezo.
O acollemento da “consulta”
Unha das escusas máis concorridas para xustificar a “non resposta” a esta
consulta foi que non me identificaba (?) Alguén o entende?
Asinaba o e-correo con nome e apelidos, ese nome e apelidos estaba vencellado a
unha páxina web (esta) e o dominio do enderezo de correo dende o que enviei a
“pregunta” era @moendo.net. Podía existir algún tipo de dúbida sobre a autoría
do emisor? Penso que non pero, si así fose, é obriga do axente pedir máis datos
si os necesita. Que outros datos podían necesitar para responder ao que se lle
pregunta? DNI, enderezo, CCC, tarxeta de crédito,…? Non, creo que se podía
responder perfectamente sen estes datos. Ou, tal vez se refiran a estes outros?
Sector profesional, situación laboral, finalidade, zona xeográfica,…? Tal vez,
pero para iso contan co meu enderezo electrónico, para solicitarme cantos datos
precisasen. Iso é o que fixeron cinco das seis persoas das 652 que recibiron a
mensaxe.
É falso afirmar que esas 652 persoas non responderon estando no seu posto de
traballo. Certo, moitas, ao estar en tempada estival,
atoparíanse de vacacións, algunhas de baixa, e outras terían o día libre, como
xa indico no primeiro
artigo. Falsearía a realidade se indagase sobre datos que
descoñezo. Aínda así, o número de respostas é desolador, máxime si temos en
conta que unha delas, a da UPD Coordina Local foi para dicir que eles só están
para informar aos axentes (deberían ler con detención a orde que regula as
funcións dunha UPD).
Esta consulta resultou ser toda unha caixa de sorpresas: a primeira o
resultado da mesma; a segunda a reacción das persoas directamente implicadas: os
axentes. Polo xeral foi ben acollida, e dígoo polos comentarios que leo nas
mensaxes recibidas a posteriori da publicación da mesma (isto evidentemente
quedará suxeito a credibilidade que cada un de vos teña no que digo, o que non
vou facer é publicar ditas mensaxes, posto que quen quere facelos públicos conta
xa con este foro -onde eu, por suposto, tamén son libre de aceptar ou non certos
comentarios,… pero xa vistes que deixei a man totalmente aberta-), como ben
sinalaba un deles, máis números que trala crítica que logo da
consulta. Prima a reactividade sobre a proactividade.
Outra das queixas foi a brevidade do prazo de resposta, unha
xornada de traballo, 24 horas. Paréceme incrible que se poida crear unha empresa
(SLNE) en 24 horas e un axente non poida responder a unha pregunta tan sinxela
no mesmo prazo, cando para realizar tal cometido non se precisa máis que facer
“clic” no botón “responder” e dicir o que se supón que xa sabes e, si queres ser
preciso buscar a orden en Google e axuntala.
Tampouco me parece crible a carga de traballo que moitos
alegades, pois o ritmo de creación de empresas é o máis baixo en anos e nunca
houbo queixas do “colectivo” nese senso. Esa carga de traballo é irreal pois,
evidentemente, nos casos que existe débese a realizar funcións que non
lle corresponden ao axente.
Suponse que cando un Concello, universidade, asociación, fundación,
deputación, mancomunidade, sindicato, cámara de comercio,… solicitan ter un AEDL
é porque os seus obxectivos coinciden coas funcións que se lle asignan aos
Axentes e Técnicos de Emprego (ver páxina 14 do Manual
de Acollida para AEDL), e solicitan a axuda para realizar esas
funcións, non para ter un empregado pagado con fondos públicos realizando
tarefas que nada teñen que ver coas establecidas na convocatoria. Isto é
un fraude ao traballador pero, sobre todo, é un fraude a toda
sociedade, tan necesitada de emprego.
Nun caso, unha asociación de mulleres, dinme que non responderon a miña
pregunta porque o meu nome se correspondía ao dun home e que ese colectivo está
para atender outras necesidades, as das mulleres. Non repararon que detrás de
quen fai esa pregunta podería estar un emprendedor ou empresario que pretendese
realizar a contratación dunha muller -non?-, entre moitas outras explicacións
posibles. E como si unha Asociación de Persoas con Discapacidade lle esixise aos
empresarios un grao de minusvalía igual ou superior ao 33% para poder
contratar.
Faltaba información? Por suposto, e dada a variedade do
colectivo ao que me dirixín a información que faltaba era tamén moi variada,
como xa vimos, pero non debemos esquecer que coas ferramentas das que dispomos,
especialmente o correo electrónico, si existe vontade, é doado completala con
tan só solicitala. Iso non sucedeu. Ao revés, a maioría lanzáronse a realizar
buscas sobre a miña persoa en internet, como demostra o Analizador de Google
respecto as entradas a moendo.net (xa o veredes máis adiante).
Tan importante é a quen se lle responde? Tanto vos custa compartir uns
coñecementos que todos, cos nosos impostos, pagamos? Alguén vos prohibe informar
a determinados usuarios?
Máis sorpresas: leo un e-mail dun empresario, que está de vacacións e, aínda
así, contesta ao meu correo. Non entende como alguén dende o seu posto de
traballo non responde a súa correspondencia cando el, cada día, incluso en
vacacións, responde centos de correos, aínda que só sexa para dicir “grazas”.
Tamén me responde un Axente de Emprego e vello amigo, Jorge Pumar, AEDL do
Concello de Coles, que estaba de vacacións, iso si, para pedirme que eu colla
unhas vacacións. Pero si levo 8 meses!
Soamente había que contestar e iso non require máis de 30 segundos na xornada
dun Axente de Emprego. Non creo que, como aquel empresario, reciban centos de
mensaxes diarias. Amais, as novas tecnoloxías, un elemento básico na
comunicación entre axentes, emprendedores e recursos, facilitan esta tarefa;
quen prescinde delas non debe ocupar o cargo de AEDL.
Outra das críticas que se fixo dese artigo é que as miñas conclusións
eran precipitadas ao basearse nunha única mostra. Non
é certo. É unha de tantas. Quizais esta se dirixía a un maior número de persoas
o que, persoalmente, creo que lle confire máis credibilidade. Noutros casos
dirixinme de xeito individual a diferentes axentes de distintas institucións
ourensás: CIE de Ourense, CEO, UPTA Ourense, CIMO,… As súas aportacións foron
nulas deica agora.
Especialmente ferinte resulta a “non resposta” de
UPTA Ourense, con cuxa axente me disputei a principios de ano
ese posto. Naquel momento sorprendeume que fose ela a persoa seleccionada pois,
logo de presentarse a entrevista sen o CV, como se solicitaba, ao volver para
traerllo ao entrevistador, Lisardo Domínguez, Presidente de
UPTA Galicia, e logo de ter realizado a entrevista, pregúntanos aos que aínda
agardábamos que “é iso dun Axente de Emprego”. Non tiña experiencia no posto,
como si tiñamos outros nin, seguro, formación específica para o posto.
Probablemente demostrou e probou a Lisardo que tiña as cualidades do perfil de
persoa que buscaba: un comercial para facer socios para a asociación; e ambición
persoal (pois a base de comisión -30 € por socio- podería máis que duplicar o
salario que ofrecían -1200 €-). Máis tarde pasei polas que, supostamente, son as
oficinas de UPTA en Ourense e estaban cerradas, así que acerqueime a empresa de
Lisardo, que está xusto enfronte, e alí estaba esta axente de emprego: lucindo
no despacho dunha empresa privada. É lamentable que certas persoas se presten a
estes xogos sucios. Por suposto, as consultas dos socios e emprendedores quedan
desatendidas.
A miña experiencia como Técnico de Emprego tamén me serve
para chegar as conclusións que realizo, pois serviume para coñecer de preto a
necesidade que teñen os axentes de información, neste caso ourensáns, ao ser
este o ámbito xeográfico no que nos movíamos, xa que era asesor xurídico da UPD
Integrou; cada día enviabamos alertas e logo unha publicación semanal recollendo
todas as novas da semana. Moi ben debía estar realizado todo ou despertaba moi
pouco interese, porque en seis meses tan só recibín dúas consultas de axentes de
emprego, ambas de dúas asociacións e, de vez en cando, unha mensaxe de
agradecemento dunha axente da CEO. Triste bagaxe.
Conclusións de Manual
Descoñezo cantos axentes tiveron a ben ler os manuais de BIC Galicia para
AEDL Non o vou transcribir por completo, soamente algunhas das recomendacións
que están relacionadas coas miñas conclusións, as que fan referencia ao Capítulo
3 do Manual de acollida, especialmente habilidades de comunicación e
actitudes.
Amais das habilidades en novas tecnoloxías, moi deficientes
polo que se viu, dentro das habilidades de comunicación o manual di que o AEDL
debe transmitir rigor e confianza para que o usuario facilite a
información requirida sobre a súa situación laboral. Isto implica que o usuario,
de partida non ten porque dar toda a información, senón que é tarefa do AEDL
buscar e gañar esa información. Non considero que non responder sexa unha
técnica para lograr esa confianza.
Ao referirse as actitudes o manual sinala que o AEDL debe
orientarse ao usuario, e non ao revés, para satisfacer as súas
expectativas. Sobra sinalar a miña decepción -cousa que algúns confunden con
frustración-. Fala o manual de empatía, de saber escoitar as
formulacións do usuario. A maioría fixeron oídos xordos -quizais dicir “ollos
cegos” fose máis exacto-. Cumpre ser asertivos e, polo tanto,
abrir canles de comunicación. Ignorar ao usuario supón todo o contrario o cal
pode dar lugar logo a malentendidos. Para saber máis sobre asertividade déixovos
unha ligazón cara un mestre no tema: Bob
Esponxa. Un bo AEDL debe ser respectuoso polos compromisos
e obrigas adquiridos e non prexulgar nunca ao usuario
entre outras actitudes que, como puido comprobarse nesta consulta, non se
viron.
A UPD Coordina Local II
Non acabo de entender a mensaxe
da UPD Coordina Local aos Axentes e Técnicos de Emprego. Porque
negar a miña vinculación e a da “consulta” cando eu non afirmo ter relación
algunha con eles? Explico aos diferentes destinatarios de onde saen os seus
enderezos de correo, dunha mensaxe enviada por esta UPD, mensaxe que, por certo,
viola a Lei de Protección de Datos (pero iso é outro problema, o seu), para que
ninguén crese que o que infrinxe a lexislación son eu. Así, si alguén quere
realizar unha demanda xa sabe a quen dirixirse.
Non entendo que problema lle pode supor a UPD Coordina Local que un
ex-Técnico de Emprego manteña canles de comunicación abertas
con outros Axentes e Técnicos de Emprego. Ou si. O que non queren é que
os Axentes é Técnicos de Emprego se relacionen entre si fora da súa área de
control. Non queren unha comunicación horizontal e libre senón
unha comunicación xerárquica e dirixida dende
o máis alto. Noutras palabras, queren que cada axente siga illado na cadeira da
súa entidade, desconectado doutros, para que nunca xurda o “colectivo” nin a
defensa do mesmo.
Non entendo, pola mesma razón, porque deberían aconsellarlle a un técnico que
filtre as miñas mensaxes utilizando a utilidade de “correo non
desexado”. Quen son eles para decidir por unha persoa adulta e libre
que correo desexa ou non desexa recibir? Atreveríame a pedir o cese inmediato do
Director da UPD Coordina Local II, Ángel
Sucasas Peón, si non fose porque son consciente de que as
irresponsabilidades no mundo en que este suxeito se move non ten prezo. E máis,
a sensación que se percibe, é a contraria, aprécianse e prémianse.
Persoalmente, a UPD Coordina Local, como moitas outras, paréceme un
chiringuito de carácter temporal -polo seu prazo de duración, dous
anos-, a diferencia de outros, que se crean con carácter indefinido. A súa única
e verdadeira función é o pago de favores electorais.
Como é posible que se confíe a coordinación de todos os Axentes e Técnicos de
Emprego de Galiza a un ente de carácter temporal, cando parte, desgraciadamente
unha minoría, dos Axentes e Técnicos de Emprego son persoal fixo? Sen dúbida foi
unha brillante idea das mentes bipartitas que a nova Xunta non soubo
emendar.
A inexistencia de colectivo
Reivindicar logo de suplicar e moi complicado e moitos dos
profesionais dos que falo chegaron aos seus postos axeonllados. Esa é unha das
principais barreiras cara a reivindicación da figura do AEDL e a súa adscrición
as tarefas encomendadas. Moitos están condenados de por vida pola súa
vinculación política.
A Rede
de Técnicos de Emprego de Galicia e, ao meu entender, o ente
perfecto para a coordinación e supervisión dos Axentes e Técnicos de Emprego de
Galiza. Non son necesarios entes intermedios que, pola súa natureza, pasan a
metade do tempo montando o chiringuito (selección, distribución de roles, páxina
web, …) e a outra metade desmontando (volver a buscar emprego), xusto no intre
en que todo estaba disposto para o seu funcionamento.
A interferencia da UPD Coordina Local II -e outras, que aparecen e
desaparecen- serve para crear máis confusión na xa de por si
heteroxénea natureza dos Axentes de Emprego, amplificando a indefinición das
súas tarefas e complicando ao demandante dos seus servizos a elección do ente
axeitado.
O meu estudo, considerado un ataque por aqueles que se senten
acomodados na poltrona, sen facer nada e embolsando a súa
nómina cada mes, sen que ninguén lles esixa resultados, algo que habitualmente
se esixe a todo traballador, e que no desempeño desta profesión implica a
creación de postos de traballo, si foi ben recibida por aqueles máis
comprometidos coa creación de empresas e, por engadido, emprego. A eles -e aos
que agardan nas listas do INEM- dirixo e confío a creación dunha
Asociación de Axentes e Técnicos de Emprego, que dignifique,
potencie e dea visibilidade ao colectivo, garanta a limpeza dos procesos
selectivos, formando parte dos mesmos, e contribúa a definir as funcións dos
AEDL rematando cos abusos das diferentes entidades.
Os problemas que afectan ao colectivo
Leo no manual
ao que antes me refería que unha das eivas dos Axentes e Técnicos de Emprego
(páxina 16) é o descoñecemento por parte das entidades para as que traballan, de
cal é a súa labor. Este manual recoñece a existencia de extra-limitacións nas
funcións dos AEDL e a asunción de tarefas que lle son alleas, sen embargo,
Coordina Local II, non o censurou, ao revés, distribuíunos nas súas
“espectaculares” -ao igual que inútiles- presentacións pola xeografía
galega.
Coordina Local II é un problema. Non aporta nada extra, nada
diferenciado ás outras UPD de carácter provincial (apoio, formación e
información) ou comarcal. Asume de motu proio funcións que lle foron
conferidas a outros facendo que os AEDL reciban cada día información solapada.
Non cobre unha necesidade ou baldío existente, adoptando, respecto a outras UPD,
unha posición hitleriana na procura de espazo vital.
Sen unidade non haberá estabilidade para
o colectivo, perdurará a temporalidade e precariedade de moitos
axentes e técnicos, onde moitas entidades pagan ao persoal contratado baixo
estas subvencións o que lle ven en gana, triplicando o salario algún axentes
respecto a outros. Claro, isto a quen máis cobra non lle preocupa. Por exemplo,
aos profesionais de Coordina Local, dos mellor pagados do Reino de Galiza, estas
cousas tráenlle sen coidado.
Dilapídanse fondos en moitas UPD, como a do exemplo, e non se inviste en
medios materiais para realizar a cabo as tarefas que
corresponden, as que de verdade lle corresponden, aos AEDL, especialmente no que
se refire as novas tecnoloxías. Probablemente algúns dos que non responderon a
miña consulta foi porque non se atopaban xunto a un ordenador con conexión a
rede, algo moi habitual no rural, máis si se atopa fora da oficina. Iso, cando
non se da a circunstancia de ter que compartir con outra persoa mesa e PC, outra
irregularidade moi común. Un portátil e unha conexión móbil son unha ferramenta
indispensábel para realizar a función de Axente e Técnico de Desenvolvemento
Local.
A soidade na que se atopa o Axente e Técnico de Emprego en moitas entidades
afecta de xeito especial a súa autonomía. Depende, para
realizar a súa labor, como vimos antes, dunha persoa que non entende a súa
función, e que vai impedirlle realizar eficazmente a súa labor, ao non estar
esta centrada entre catro paredes, senón aos territorios e sectores
encomendados. Alguén que descoñece estas tarefas non pode impedir a
flexibilidade horaria e mobilidade territorial necesarias, polo cal debe ser un
ente superior, por exemplo a Rede de Técnicos de Galicia, quen debe autorizar
esas saídas. Ou mellor, esixilas.
mOendo.net