A última estafa do capitalismo depredador
A verdadeira solución da crise non pasa por salvar o actual sistema financeiro coa actual
arquitectura socioeconómica. Ao contrario, será preciso que esta se
afunda, de xeito controlado, que perda a súa exuberancia, a súa
libérrima autonomía e o seu poder omnímodo para marcar as regras de
xogo de toda a economía.
Un artigo de Xavier Vence en Tempos Dixital
A
vertixe dos acontecementos nos últimos meses depara continuos
sobresaltos. Sen perdérmonos na anécdota, poñámolos en perspectiva.
Neste mes de setembro desapareceron de golpe nin máis nin menos que os
cinco bancos de investimento máis importantes de EEUU e do mundo:
Lehman Brothers deu en creba; Merrill Lynch foi comprado in extremis
por Bank of America, Bear Sterns xa fora comprado pola JP Morgan cun
crédito da Reserva Federal e os dous últimos que quedaban cambaleándose
(Morgan Stanley e Goldman Sachs) foron obrigados a reconverterse en
bancos comerciais e buscar socios de refuxio. Ao mesmo tempo a
principal aseguradora financeira mundial, AIG, tivo que ser rescatada
da creba pola Reserva Federal cun crédito multimillonario e o mesmo
pasou cos dous principais bancos hipotecarios (Fannie Mae e Freddie
Mac).
Todos os demais grandes bancos e aseguradoras están na
corda frouxa. A gran caixa Washington Mutual tivo que ser adquirida por
JP Morgan Chase. O inglés Northern Rock foi nacionalizado hai uns
meses; HSBC e o franco-holandés Fortis venden filiais e activos para
salvar a matriz. En España, Martinsa-Fadesa deu en creba, Colonial tivo
que ser refinanciada, Sacyr vende activos e algúns bancos e grandes
grupos inmobiliarios tamén están a vender activos para capear o
temporal… En fin, todos os enormes monstros que levaban anos
succionando recursos de todo o sistema mundial a través de instrumentos
financeiros, a cada paso máis sofisticados e fraudulentos, acaban
estoupando. O estrondo é enorme. O FMI estima un burato negro de 1,3
billóns de dólares.
Aparentemente, todo o mundo recoñece xa que
iso é unha crise profundísima dese modelo financeiro. Pero, ollo, as
aparencias enganan. Os neoliberais seguen nas mesmas. Como non se
senten ameazados por ningunha alternativa proclaman a catástrofe como
ameaza para seguir espremendo unha sociedade convertida en refén. É a
súa última estafa.
As claves da crise
Máis alá do que xa todo o mundo di e recoñece, eu destacaría algúns feitos relevantes.
Primeiro, durante dúas décadas o sistema Dolar-Wall Street
bombeou cantidades fabulosas de recursos de todo o mundo para os
EE.UU., o que lle permitiu a ese país manter unha burbulla consumista
sostida coa manivela de fabricar billetes verdes, mesmo cunha
capacidade produtiva real en declive. Velaí a verdadeira natureza da
burbulla financeira, moito máis aló das manidas hipotecas subprime,
que non deixan de ser como a declaración dun pecado venial para agachar
o pecado (do) capital. O problema non son as hipotecas lixo en si, que
o sistema financeiro encaixaría con relativa facilidade, o problema
está na multiplicación ficticia de recursos por parte das entidades
financeiras a partir delas, cunha enxeñería financeira temeraria. Facer
cartos con cartos serve para mudar a riqueza de mans pero non para
creala, como ben sabían os economistas que coñecían algo máis que
modelos matemáticos.
Segundo, esta crise está a traducirse nunha
concentración aínda maior do sistema financeiro: os grandes bancos
comerciais absorben os grandes bancos de investimento, co soporte do
financiamento público. Onde antes tiñamos un sistema financeiro
dominado por un número reducido de monstros agora vai estar dominado
por un número aínda menor de monstros ciclópeos. A concentración do
capital alcanza niveis nunca vistos. O mundo das finanzas queda cada
vez en menos mans (e ¡que mans!).
Terceiro, as crebas e os
rescates deses bancos en crise son financiadas con fondos públicos, con
préstamos dos bancos centrais e con inxección de diñeiro por parte
destes últimos. Esa forma de xestionar a crise carga os seus custos
sobre o conxunto da sociedade por unha dobre vía: á custa dos impostos
pagados, unha débeda pública enorme e tamén da inflación que provocan
esas inxeccións de diñeiro. Trátase da maior e máis obscena
socialización das perdas especulativas da historia da humanidade. É
escandaloso que o goberno Bush se propoña crear un fondo de 700.000
millóns de dólares para facerse cargo dos “activos tóxicos” de todo o
sistema bancario. A maior expropiación dunha sociedade para salvar un
sistema financeiro montado sobre a especulación.
Cuarto, máis
escandaloso aínda é que ningún responsable político dimitiu até o
momento. Nin a presidencia do goberno, nin o ministro de Economía, nin
da FED nin da SEC. Ninguén. Os que deseñaron e aplicaron as políticas
neoliberais que conduciron ao desastre non dimitiron. Antes ao
contrario, o ministro de Economía americano, Hank Paulson, confeso
ultraliberal, pretende pilotar un paquete de medidas para saír en
auxilio dos especuladores. Todo iso acompañado con plenos poderes para
gobernar á marxe das leis e sen autorización do Parlamento durante dous
anos. Na mellor tradición neoliberal ¡¡o económico por riba da
sociedade e da democracia!!. Con absoluto descaro organizan a gran
expropiación dos cidadáns, traballadores e aforradores comúns, que, en
realidade, é a última volta de porca da que viñeron realizando mediante
as sucesivas burbullas especulativas e ondas privatizadoras ao longo
das dúas últimas décadas.
Nos primeiros tempos, os neoliberais
entregaron xenerosamente a riqueza social acumulada polo sector público
ao capital privado. Logo permíteselles unha enxeñería financeira que
xera uns beneficios ficticios repartidos entre accionistas e xestores
ao tempo que a saúde real das entidades se deteriora, Agora, cando
agroma a realidade do burato negro disimulado, a receita neoliberal non
defrauda: ¡socialicemos as perdas! E polo medio, as grandes fortunas
acumuladas con impudicia por unha minoría están a salvo. Máis aínda, en
pleno turbillón seguen amasando ganancias especulando á baixa nos
mercados de valores e derivados aproveitando as inxeccións de liquidez
dos bancos centrais; e, para redondeala, os directivos das grandes
financeiras crebadas cobran indemnizacións astronómicas. ¡É precisa
unha dose moi grande de resignación ou de cinismo para non sublevarse!
Quinto,
para a xente do común a crise ten outra secuencia e outros ritmos que
xa veñen de lonxe: primeiramente foron as alzas espectaculares dos
prezos da vivenda desde finais dos noventa até 2007, seguidas de alzas
tamén espectaculares da enerxía desde 2005 en diante e, finalmente, dos
alimentos desde mediados de 2007 en diante. Temos, polo tanto, varias
crises diferentes que se entrecruzan e se van concatenando. O que para
uns (os especuladores) eran ciclos de bonanza, para o resto da
sociedade xa eran períodos críticos. O problema é que a cada paso a
situación vólvese máis complexa e difícil de xestionar no marco do
modelo económico vixente. Trátase dunha sucesión de burbullas nas que o
capital financeiro desencadea procesos acumulativos de alzas aceleradas
dos prezos de determinados bens, para logo facelos caer con igual
vertixe. Niso reside a especulación e a proliferación de instrumentos
financeiros que permiten gañar tamén xogando á baixa nos mercados de
derivados (as chamadas “posicións curtas”).
Neoliberalismo en crise
A
gravidade do momento actual está en que así como a burbulla
inmobiliaria encarece o acceso á vivenda para a poboación pero xera
unha dinámica acumulativa que tira do crecemento económico (arrastrando
ás actividades de fabricación de todo tipo de materiais), en cambio, a
burbulla enerxética encarece un ínput básico de todas as actividades
produtivas elevando os custos en todos os sectores e acelerando a
inflación, deprimindo aínda máis a capacidade de compra das familias.
Iso crea tendencias á recesión económica, acompañada dunha forte
inflación. Pola súa vez, a burbulla especulativa dos alimentos cerra o
círculo creando unha inflación galopante nos bens de consumo básicos da
maioría da poboación, acelerando aínda máis a inflación.
As tres
burbullas turran dos prezos á alza, pero ningunha das dúas últimas tira
da actividade económica, polo contrario, deprímena. A consecuencia
delas será, polo tanto, inflación, recesión e paro, levando a economía
a un círculo vicioso para o cal as receitas tradicionais non poden
funcionar. Iso significa que, fronte á visión dominante que fala dunha
crise cíclica de conxuntura ou dunha crise de liquidez do sistema
financeiro, estamos diante dunha crise moito máis profunda: trátase da
crise estrutural do modelo neoliberal. Non só do sistema financeiro
senón tamén dunha arquitectura global na que o financeiro se convertera
no eixo estruturador e dominante.
Agora os responsábeis da
desfeita póñense graves e solemnes: “hai que salvar o sistema
financeiro para salvar a economía de todos”. Así xustifica Bush e a súa
corte a expropiación doutros 700.000 millóns de dólares aos
estadounidenses (engadido ao espolio anterior). Non di como os vai
financiar porque entre a súa guerra contra Iraq e a súa política de
redución de impostos aos ricos levounos xa a un déficit público
insostíbel. O recurso ao endebedamento externo nesas condicións só pode
conducir ao deterioro do dólar e a puntilla á súa contestada hexemonía.
Pero non lle faltan apoios: Zapatero, o gurú, con aceno panglosiano,
bendí a operación. Pois non! Esa é a enésima estafa do dobre discurso
neoliberal.
Habería que dicirlles que a verdadeira solución non pasa por salvar o actual sistema financeiro con esa arquitectura socioeconómica senón que será preciso que o sistema financeiro actual
se afunda, de xeito controlado, que perda a súa exuberancia, a súa
libérrima autonomía e o seu poder omnímodo para marcar as regras de
xogo de toda a economía. E iso é necesario para reedificar un sistema
no que as finanzas se subordinen ás necesidades do sistema produtivo
(como ocorreu a partir dos anos trinta) e non ao revés. Darlle a volta
a un sistema asentado no endebedamento masivo para volver a outro
baseado no aumento dos ingresos da maioría da poboación e o aforro
popular, e de paso entrar nunha senda menos consumista e máis
sustentábel. Implantar un imposto para que as grandes fortunas devolvan
parte do esquilmado ao conxunto da poboación e con el, poder financiar
as reformas. Polo tanto, desde o meu punto de vista, quen gaste os
recursos públicos en salvar este sistema financeiro carrexará moitos
males para o país: empobrecerá a xente común, aumentará as
desigualdades e non atopará solución duradeira. O problema é ¿onde
están as esquerdas? ¿onde están os reformadores? A crise colleunos a
todos eles abraiados polo pensamento único, nos asentos traseiros dos
coches oficiais ou nos balnearios. Velaí a peor crise!.
O outono de 2008 pasará á historia como o outono do neoliberalismo.
A cidadanía debería facer balance tanto dos políticos que por activa ou
por pasiva axudaron a impoñelo como de todos os “especuladores de
palabras e ideas” que contribuíron a lexitimalo e convertelo en
pensamento único. Agora, de súpeto, todos parecen estar de volta. Eu
aínda recordo o ricto dos ben pensantes realistas cando saíu en 2005 o
meu libro titulado O fracaso neoliberal na Galiza. Pero diso falaremos outro dia.
fonte