Catro anos bloggeando
No día de hoxe cúmprense catro anos dende que abrín a miña primeira
bitácora. O que me animou foi o premio dun concurso que organizaba Terra
Networks polo Mundial de fútbol 2006 pois,
segundo as normas do concurso o gañador pasaría a “formar parte da
plantilla de blogueiros de Terra”. O gañador do concurso sería o blogger
que maior número de visitas tivese as 00.00 horas do día 9 de xullo de
2006, de xeito que se trataba máis dun concurso de posicionamento na
rede que de coñecementos futbolísticos; así, quen conseguise utilizar
mellor as técnicas de posicionamento tiña todas as vantaxes para gañar… e
ese fun eu.
Aquel primeiro post sóamente buscaba ser visto polos buscadores. O que se ve agora non é
o orixinal, foi modificado unha vez o blog foi indexado.
Estar ben posicionado require moito esforzo, cumpre entrar a outros
blogs e webs a deixar comentarios e, por suposto, o enderezo do blog que
queres posicionar. Logo cumpre actualizarse a miudo (escribía como
mínimo un post diario) e utilizar palabras moi buscadas nese momento nos
buscadores. A iso obecede o propio nome do blog: World Cup Blog 06; sen dúbida foi o máis
buscado en Google durante o tempo que durou o Mundial de Fútbol: e, como
non, mencionar sempre o nome dos xogadores máis mediáticos, aínda que
fose para dicir o mal que o fixeron. Por suposto, é importante contar
cun blogroll amplo, vencellar a outros para que outros te vencellen, e
tamén citar a outros autores e a seus blogs… iso é o máis valorado polas
arañas que rastrexan a rede.
As circunstancias logo do mundial non foron as máis favorables. Terra
Networks foi absorvida por Telefónica no
tempo que durou o Mundial de Alemaña’2006 e, estes últimos, tiñan outros
plans para a compañía. Sobraba persoal. Nun primeiro intre fixéronse o
’sueco’ e logo, ante as miñas reclamacións, decidirón ofrecerme un
contrato, mais este nada tiña que ver coas espectativas xeradas polo
anuncio inicial, limitándose a súa oferta a un contrato mercantil de
tres meses de duración cuxos emolumentos apenas cubrian os gastos do
seguro dun traballador por conta propia, esixencia esta realizada a
posteriori pola compañia.
Isto obrigoume a iniciar un proceso para reclamar ese premio que
aínda hoxe, catro anos despois, non rematou. A decisión inicial,
errónea, pero mostra da boa vontade con que se fixo, foi reclamar ese
premio mediante un sistema arbitral. Foi errónea porque Telefónica
xamais tivo vontade algunha de chegar a ningún tipo de acordo, que para
iso conta cun exercito de avogados, para que o pelexen todo.
Catro anos despois estámos no mesmo punto de partida, agardando que
unha xuiza do social dite unha sentenza e que, diga o que diga, esta
será recorrida por unha ou outra parte intervinte. Ben, no principio
esactamente non, agora a xuiza está obrigada a ditar unha sentenza cando
na primeira ocasión o que fixo foi declararse incompetente, avíndose á
demandada. Daquela non fixo caso ao Ministerio Fiscal, pero agora si ten
que facerllo ao TSXG que non di outra cousa que o que o mesmo MF dicía.
Dicía a xuiza (María Isabel Gómez Balado) naquela súa
Sentenza que non apreciaba a existencia de precontrato algún,
argumentando isto con doctrina, seguramente da súa etapa de estudante
-pola data da STS-, cando non era iso esactamente o que se alegaba,
senón unha promesa de contrato, ao que o TSXG afirma que “con
independencia da calificación xurídica (precontrato, oferta ou promesa
de contrato), crearon no destinatario,ao menos en principio, unha
espectativa de traballo”.
Crear falsas espectativas por unha empresa a un
traballador, amais de inmoral, é motivo de denuncia. Ocorre a cotío,
especialmente na comunicación verbal. Son enganos que serven para
motivar a un traballador a curto prazo, para que asine un contrato, para
que renda máis,… pero que a longo prazo pode volverse en contra da
entidade (demandas, desánimo, improductividade,…).
Dende que un Tribunal anula unha sentenza (neste caso o TSXG anulou a
sentenza do Xulgado do Social de Ourense o 26 de febreiro de 2010) e
devolve os autos para ser ditada outra nova non acostuman a transcorrer
máis de mes e medio-dous meses, sen embargo, neste caso xa vai para
catro.
Neste caso nada foi normal, todo excepcional: o
primeiro xuízo celebrouse dúas veces, na primeira vista a demandada,
Telefónica, non compareceu e solicitou unha nova celebración por falla
de comunicación da data da vista. Na segunda vista solicitou a
incompetencia do tribunal, o cal obrigou a pedir un informe ao
Ministerio Fiscal, aínda que logo non o tivese en conta, alargando tamén
así o prazo establecido para dictar Sentenza. Neste caso o máis
dilixente foi o TSXG que en pouco máis de dous anos dictou a derradeira
Sentenza, moito máis pronto do que agardaba.
O caso é que algo que desexaba, ser blogger profesional,
foise diluindo co paso do tempo. Tamén é certo que gozo máis da
liberdade de ser un afeccionado. O que si non desaparece é a esperanza,
ao revés, a pesar dos atrancos sufridos, de ver recoñecido e compensado
(salarios non percibidos deica o intre en que a sentenza sexa firme,
lucro cesante -salarios futuros- máis danos morais) pola tarefa que non
puiden realizar.
Esta mala experiencia tampouco serviu para apartarme da blogosfera,
senón todo o contrario, construín multitude de blogs -moitos por aí
perdidos- e participei en moitos máis, seguindos, lendos, comentandos,… A
blogosfera foi o inicio do que se deu en chamar web 2.0
ou web social, un modelo de comunicación horizontal
que deu paso a intereactividade entre autores e lectores, unha
comunicación a que se siguen sumando cada vez máis persoas pero, tamén, a
que se resisten moitas outras. Non entenden que na actualidade máis de
1.500 millóns de persoas están a un clic do que escribimos na rede… ou,
quizais, sexa iso o que temen.
“Traballar na era 2.0 require dunhas competencias e
habilidades tecnolóxicas, dixitais e informacionais”, di Bel Llodrá e Cristina Aced
nun artigo publicado en UOC Alumni, Emprego 2.0, e
coautoras de “Visibilidad. Como xestionar a reputación online”.
Cando non existe disposición por parte dos responsables de tódalas
organizacións de subministrar esas competencias aos seus traballadores
nin adquirilas para si mesmos, descoñecendo e privando a esta dos
potenciais beneficios que lle podería acarrar, ao considerar a web
2.0 como unha ameaza e non como unha oportunidade, están
prexudicando a súa entidade. De feito, para permanecer estes catro anos
na rede, cumpríu, segundo palabras das mesmas autoras, “unha predisposición
positiva e unha actitude dixital” pois estas características
“son a clave para aproveitar as oportunidades que brinda este novo
escenario”.
moendo.net