14.000 vítimas da represión franquista en Galicia poderán ser consultadas na rede, a través da páxina web do Proxecto "Nomes e Voces"
O Proxecto de Investigación Interuniversitario "Nomes e Voces"
presentará publicamente a Base de Datos das vítimas da guerra civil e a
represión franquista en Galicia, nun acto que se celebrará o día 29 de xullo de 2009 ás 12.00 h, no Salón de Actos da Facultade de Filosofía da USC na praza de Mazarelos en Santiago de Compostela.
Deste xeito, dáse a coñecer parte do traballo desenvolto polo equipo de
investigación nos últimos anos referente ao estudo das vítimas da
represión franquista entre 1936 e 1939. A base de datos que presentamos
dista de ser definitiva, nin polo número, nin polo tempo que durou a
represión da ditadura, nin polas formas que esta adquiriu pero todos os
datos que presentamos están criticados, cruzados entre diferentes
fontes e sometidos polo tanto a unha contrastación e validación que non
sempre é doada. Expedientes dos procesos xudiciais (2.608-máis de
400.000 páxinas), rexistros civís dos concellos (310), fonte oral (100
entrevistas das 450 que posúen os fondos do proxecto, e o resto
seguirán a incorporarse) e traballos publicados por diferentes autores
nas últimas décadas (52).
Este traballo signifícase como unha das iniciativas de recuperación da
memoria da represión e do franquismo máis completas no conxunto do
Estado. Nos próximos anos, a equipa do Proxecto, dirixido polo
catedrático de Historia Contemporánea Lourenzo Fernández Prieto e
coordinado por Emilio Grandio (A Coruña), Mª Jesús Souto (Lugo), Julio
Prada (Ourense), Dionisio Pereira (Pontevedra) e Xosé Manoel Núñez
(Galicia Exterior) ampliará, nunha segunda fase de desenvolvemento da
investigación a cronoloxía das súas pescudas abordando os primeiros
anos da instauración da réxime franquista a partires de 1940.
O acto contará coa presenza do I.P. Lourenzo Fernández Prieto e o equipo A Navalla Suiza, responsable da nova ferramenta de consulta.
As vítimas, os nomes, as voces e lugares